COTRANSLATIONS, A IDEA QUE SE XESTOU EN/NO FRÍO
A finais de agosto de 2010, Clara Bao Rivas e Tania Carril, as fundadoras de Cotranslations, coñecémonos en Karlstad (Suecia), onde estudamos durante un ano grazas ao programa Erasmus. Ao rematar os nosos estudos en 2013, comezamos a pensar máis en serio na opción de fundar «algo» xuntas. «Algo», porque non queriamos converter o noso proxecto nunha axencia de tradución na que tivésemos que nos limitar a xestionar encargos; nós queriamos traducir. Tras moitas choivas de ideas, charlas e preparativos, en agosto de 2015 naceu Cotranslations: o nome baixo o que colaboramos combinando as nosas linguas de traballo e campos de especialización.
Despois de sete anos traballando cóbado con cóbado, podemos dicir que tanto tempo de reflexión pagou a pena. Aínda que polo camiño descubrimos novos campos que nos interesan e temas nos que non agardabamos traballar e que acabaron por encantarnos, a nosa filosofía segue a ser a mesma que ao comezo: catro ollos ven máis ca dous. Por iso, sempre que o proxecto o require e o cliente o solicita, ambas as dúas participamos nel, para poder garantir que o texto non só reciba o traballo duns ollos expertos, senón que outro par se encargue de revisar esa primeira versión e poida aportar unha perspectiva máis fresca para lograr un resultado de alta calidade.
Como explicamos na nosa páxina de Servizos, os campos nos que máis traballamos son a tradución de márketing e a tradución xurídico-administrativa. Sen embargo, durante estes anos colaboramos con clientes en proxectos de diversa índole exercendo como tradutoras, correctoras e redactoras de contido en función das necesidades específicas de cada encargo.
Ademais, contamos coa nosa propia rede de colaboradores de confianza para aqueles encargos nos que o número de palabras ou o prazo fan imposible que só nós as dúas traballemos no proxecto.
AS CARAS DETRÁS DE COTRANSLATIONS
Clara Bao Rivas
Grao en Tradución e Interpretación en 2013 pola Universidade de Vigo e Máster en Tradución Literaria e Audiovisual en 2016 pola Universitat Pompeu Fabra. Traduzo do inglés e do francés cara ao español e o galego, as miñas dúas linguas maternas. Dende 2013, traballei como tradutora autónoma e creando contido para aplicacións de ensinanza de idiomas, ata que en 2015 dei o salto e, dende entón, traduzo a tempo completo, en Cotranslations e como tradutora audiovisual e literaria.
Para poñerte en contacto comigo podes escribirme, chamarme ou conectar comigo en LinkedIn e, se queres saber máis de min, descarga o meu CV.
Tania Carril
Licenciatura en Tradución e Interpretación en 2013 pola Universidade de Vigo e Máster en Tradución e Novas Tecnoloxías en 2016 pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo. Son tradutora e intérprete xurada de inglés nomeada polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e traduzo do inglés e do portugués cara ao español e o galego, as miñas dúas linguas maternas. Entrei no mundo laboral a finais de 2013 e compaxino a miña actividade como traductora autónoma co meu traballo como profesora de inglés en diferentes institucións.
Para poñerte en contacto comigo podes escribirme, chamarme ou conectar comigo en LinkedIn e, si queres saber máis de min, descarga o meu CV.
Queres descubrir como podemos axudarte co teu proxecto? Podes descargar a nosa presentación para saber máis acerca da nosa experiencia e formación ou escribirnos un correo electrónico e responderémosche o antes posible.